Thursday 02 de May de 2024

Chega o Mes da ciencia en galego á Biblioteca da Xunta na Coruña


— Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística presentaron hoxe a programación, a prol do achegamento da cidadanía á literatura científica en galego

— Haberá obradoiros infantís de química e física na cociña e de achegamento ás figuras das científicas Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal

— En novembro continúan as habituais sesións de contacontos, formación e visitas guiadas, con novos horarios para grupos escolares

Os centros bibliotecarios xestionados pola Xunta van acoller ao longo de novembro preto de 40 actividades de divulgación científica enmarcadas na celebración do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Unha iniciativa do Goberno autonómico a prol do achegamento da cidadanía á literatura científica en galego cuxa programación presentaron hoxe os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García.

A Biblioteca Pública da Xunta na Coruña, Miguel González Garcés, ofrece neste marco diversas actividades de carácter científico ao longo deste mes. Obradoiros infantís sobre química e física na cociña e de achegamento á figura das científicas galegas Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal centran as propostas enmarcadas nesta celebración, que se suman ás habituais sesións de contacontos, obradoiros e formación. A información sobre as actividades, que requiren inscrición previa, está dispoñible na web do centro.

O venres 5 ás 19,00 horas terá lugar o obradoiro Cociñando ciencia, no que a rapazada de 6 a 12 anos descubrirá fenómenos complexos da física e da química a través da práctica culinaria. Mediante as técnicas de recoñecidos cociñeiros como Ferrán Adriá, Joan Roca ou Arzak, os participantes realizarán emulsións, esferificacións ou escumas da man de Ciencia Kids.

Nó mesmo horario, na xornada do 19, desenvolverase a actividade de achegamento á figura de Isabel Zendal, como coidadora e enfermeira dos 22 nenos e nenas que cruzaron o Atlántico para levar a vacina da varíola a América. No obradoiro farase un test caseiro de anticorpos, así como un cultivo de bacterias e estampaxe de mostras, entre outros experimentos. Ao día seguinte, ás 12,00 horas, será a quenda do achegamento á oceanógrafa Ánxeles Alvariño, para coñecer as súas expedicións e descubrimentos de especies e microorganismos. Traballarase a imprimación dos peixes e farase un experimento de descomposición de cunchas de moluscos. Ambas sesións están destinadas a público a partir de 6 anos.

Pola súa banda, a cativada de 3 a 8 anos poderá gozar das habituais sesións de contacontos. A primeira delas terá lugar o día 6 con Trinke Trinke Teatro e o espectáculo Os ratiños da caixa. A segunda, será na xornada do 27 con O chineiro da tía María. Neste, Xandobela utiliza a técnica tradicional europea do cantastorie, consistente en mesturar narración, pinturas en grandes lenzos e música colaborativa. Ambas serán ás 12,00 horas.

Outra das actividades previstas é un contacontos en lingua de signos a cargo da Federación da Asociación de Persoas Xordas de Galicia e destinado a todos os públicos. Está programado para o día 13 ás 12,00 horas.

Ademais, o día 5 ás 17.00 horas terá lugar a segunda sesión da iniciativa Itinerarios de autor pola historia da Coruña, co historiador da arte Felipe Senén. Farase un percorrido desde a Praza de María Pita ata de Pontevedra, pasando por espazos significativos na arquitectura modernista, o barrio onde naceu Emilia Pardo Bazán e onde viviu e morreu Manuel Murguía, entre outros puntos de interese.
En novembro tamén continúa o obradoiro de escritura creativa impartido por María Jesús Molina Raspal, todos os venres ás 11,00 horas. Nel experiméntase coas palabras, escríbese, lese en voz alta e finalízase compartindo as opinións.

Visitas para escolares
Ás visitas guiadas organizadas os martes e xoves ás 12,00 horas súmaselle este mes un programa específico para grupos de escolares, que poderán coñecer o centro bibliotecario eses mesmos días en dous horarios, ás 10,00 e ás 12,00 horas. Nesta liña, de achegamento ás instalacións segue a desenvolverse Aprende a usar a biblioteca, con sesións os mércores 10 e 24 ás 16,00 horas.

Canto ás mostras, haberá unha conmemorativa do Día do lector, o 3 de novembro, co que se homenaxea o escritor Xosé Neira Vilas, cunha selección de documentos dos fondos da biblioteca sobre a vida e obra do escritor. Na sala infantil instalaranse dúas escolmas de publicacións, unha sobre o Samaín e outra sobre dinosaurios. Asemade, na sala de audiovisuais situarase unha selección de películas de terror co título Quen anda aí? Xunto a estas, permanece ata o 20 de novembro a mostra dedicada ao actor, director e escritor Fernando Fernán Gómez co gallo do seu centenario.

Cómpre sinalar tamén que segue aberto ata o 11 de decembro o prazo para participar no IV Concurso de microrrelatos de terror, dirixido a persoas maiores de 14 anos que poden presentar un único traballo orixinal e inédito, cunha extensión máxima de 200 palabras e escrito en galego ou castelán.